Foro Galego de Inmigración
Manifesto:
Polo fin do Xenocidio Migratorio no Mediterráneo

Foro Galego de Inmigración, 23 de abril, 2015
A Campaña Estatal polo Peche dos CIE´s, xunto con múltiples organizacións de defensa dos dereitos humanos, condenamos o Xenocidio Migratorio que se está producindo no Mar Mediterráneo e denunciamos:

Que as persoas que perderon a vida tiñan diversos motivos para emprender a súa viaxe; entre estes, fuxir de conflitos políticos, bélicos e da propia pobreza. Lonxe de ser fenómenos “naturais”, están directamente relacionados coa política exterior da Unión Europea e os seus intereses comerciais.

Que a Unión Europea define a estas persoas como “inmigrantes ilegais” para non ter que aceptar as implicacións do que realmente son: potenciais refuxiados, nenos e nenas, vítimas de diversos conflitos.

Que a maioría das persoas que se afogaron deberían estar amparadas pola lexislación e os tratados de protección internacionais subscritos polos países da Unión Europea. Ante a imposibilidade de cursar calquera tipo de solicitude, vense obrigadas a arroxarse ao mar para, unha vez chegadas a Europa, tratar de conseguir este recoñecemento.

Que a UE ven dando reiteradas mostras de que a suposta orientación máis humanitaria e respectuosa cos Dereitos Humanos das súas políticas migratórias non pasa dunha farsa e de discurso vacío que agochan o carácter securitario e bélico das mesmas. A maior responsable deste enfoque é a Axencia Frontex.
A Axencia entende o intento de acceso das persoas como un “risco” (literalmente) de violación das Fronteiras. Dedícanse millóns de euros a sufragar tecnoloxía militar de vixilancia e, en cambio, non se destina ningunha medida ao salvamento de persoas.

Lembramos que a Axencia Frontex pasou de ter un orzamento anual de 5 millóns de euros na súa orixe (2004) a máis de 80 millóns por ano en 2015. O Estado Español destinou no último lustro case 290 millóns de euros a selar as fronteiras españolas e menos de 10 millóns á acollida de refuxiados, unha das ratio máis desiguais da Unión Europea. Tamén pagou 50 millóns de euros a Marrocos para que constrúa un novo valo de concertinas. Non faltan recursos, senón vontade política.

Que a tecnoloxía de Frontex é capaz de localizar as embarcacións, pero resulta absolutamente incapaz de salvar ás persoas. Por prioridades políticas, invístese o diñeiro no control de persoas pero non no seu salvamento.

Que o Ministro de Interior, Fernández Diaz, é responsable directo de lexitimar estas mortes, pois considera que salvar vidas no Mediterráneo pode xerar un efecto chamada.
É dicir, segundo o Ministro, hai persoas que hoxe teñen que morrer para que un posible efecto (sen unha relación causal clara) sexa evitado. O verdadeiro efecto chamada non é Salvamento Marítimo. Máis ben estamos ante un efecto directo de expulsión, consecuencia das políticas Europeas en África. Afirmacións como as do Ministro deberían ter consecuencias legais.

Que non é tolerábel aceptar que “outra embarcación afundiuse”: hai toda unha cadea de responsabilidades que deben ser investigadas, esclarecidas e, no seu caso, xulgadas. Hase de evitar que volva suceder, mellorando os protocolos de salvamento.

Que é inadmisible a hipocrisía do Presidente do Goberno cando indica que “Xa non valen as palabras, hai que actuar” en relación ás mortes do Mediterráneo. Lamentábelmente, naufraxios como este adoitan servir para lanzar medidas que dotan de máis medios a Frontex sen cambiar un chisco a súa errática concepción das migracións (como unha ameaza e un risco) e a súa lóxica bélica. Noutras ocasións, déronse respostas de intervención directa nos países de orixe: ben condicionando as “axudas ao desenvolvemento” á colaboración na represión das migracións ou ben con intervencións diplomático-militares que xeran aínda máis desprazados e desprazadas. Ambas as opcións supoñen precarizar aínda máis a experiencia migratoria e aumentar os naufraxios no Mediterráneo, o mar máis mortífero do mundo.

Que é necesario o investimento nun programa europeo de salvamento marítimo acorde á envergadura do problema, paralela a unha redución do financiamento de programas, operacións e tecnoloxías que militarizan a fronteira.

Que se fai necesaria a realización dun programa de identificación e memoria das vítimas, e de repatriación dos corpos ás súas familias.

A traxedia como xénero literario fai referencia a como os personaxes son enfrontados contra o destino dos deuses con resultados de morte ou infortunio. O que ocorreu o domingo nas augas do Mediterráneo, con todo, está lonxe de poder considerarse como tal: non son traxedias inevitábeis, é unha responsabilidade da Unión Europea

Firman: Polo fin das mortes no Mediterráneo; Polo fin do Xenocidio Migratorio; Foro Galego da Inmigración/ Campaña Estatal polo Peche dos CIE´s